
Nun evento titulado emporcARTE, que se celebra en lalín por segundo ano, vén de ser censurada unha obriña de arte titulada Ara Porcis dun tal Manu Mimé. A obra de arte de este artista (o tema importante merece ser redundante) representa unha figura de porco nunha peana vestido coma os curas cun hábito morado. Esta inocente bromiña parece ser que representa unha ofensa a determinadas capas da poboación que manifestaron a súa protesta, que tivo como resultado a prohibición da exhibición desa peza.
Estamos en contra da censura pero cremos que cómpre dicir un par de cousas a este respecto. Por unha banda, senon se censurara esa obriña dubido moito que tivese éxito ningún dados os seus escasos valores artísticos e a súa nula orixinalidade. É unha pesadez ver a enésima obra contra a Igrexa, non ten mérito ningún. Por outra banda, hoxe ninguén é perseguido cando se mete cos curas. Outra cousa sería facelo na época da Inquisición, ou facelo hoxe en día con outras relixións aí si que o artista mostraría algún tipo de valor, aínda que non fora o artístico.
Imaxinemos que o artista viste a un porquiño cos hábitos dun rabino, o cos dun mulá; no primeiro caso as furibundas protestas farían tremer oa alicerces do concello de Lalín, no segundo caso estaría en perigo a vida do artista, e non precisamente en sentido figurado, senón que llo pregunten a Shalman Rushdie ou ao autor das caricaturas de Mahoma no Jyllads-Posten danés.
Cando alguén se mete coa Igrexa sempre me pregunto se farían o mesmo con outras relixións. Esa é a proba do nove; o día que vexa a algún artista facer algo semellante con outras crenzas hei crer nas súas propostas.
Labels: Ara Porcis

0 Comments:
Post a Comment
<< Home